Xuntanza coas empresas agrarias do territorio

Dentro do programa formativo do Proxecto AGRO-EMPREGA contémplase un bloque destinado á realización de prácticas non profesionais en empresas agrarias do territorio. Baixo dita premisa, vense de celebrar unha Xornada informativa na Casa do Concello de Abegondo o pasado martes 27 de marzo. Á xuntanza, previa notificación telefónica e postal,  acudiron responsables de explotacións hortícolas e outras empresas agrarias da contorna aos que se lles deu conta dos traballos desenvolvidos ata o momento no Programa, convidándoos ademáis a participar nesta nova fase que se levará a termo entres os meses de abril e setembro.



Os principais obxectivos deste bloque de prácticas son os seguintes:
  • Para os alumnos:
    • Complementar a formación teórico/práctica impartida: ampliación dos seus coñecementos a través do contacto directo con produtores profesionais de ampla experiencia.
    • Coñecer o ciclo produtivo completo dunha explotación: produción + manexo + comercialización.
    • Ampliación dos horizontes na procura de emprego e posibilidades de inserción laboral.
  • Para as empresas:
    • Integrarse e parcitipar de xeito activo nas iniciativas de desenvolvemento rural do seu territorio.
    • Posibilitar o contacto con potencial de man de obra formada para as súas explotacións.
    • Incrementar a posibilidade de establecemento de sinerxías dentro da súa actividade produtiva e comercial.
Por último, cómpre comunicar a todos aqueles titulares de explotacións da comarca que desexen solicitar alumnos do Programa que aínda poden facelo. O desenvolvemento das prácticas (cun total de 100 h) non ten ningún tipo de custe para as empresas. Os interesados deben poñerse en contacto co Equipo Técnico do Programa no teléfono 981 669 541, na dirección electrónica info@marinasbetanzos.org ou ben directamente nas oficinas do GDR Mariñas-Betanzos.